O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
Triste yanqui zugapovos,
Lurpio, voraz tio sam,
Dime que foi, que fixeche
Do arriscado capitán.
O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
Torvo xeneral barrientos,
Fociño de lubicán,
Dime que foi, que fixeche
Do arriscado capitán.
O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
Duro soldado sumido
Nunha noite de alquitrán,
Dime que foi, que fixeche
Do arriscado capitán.
O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
Manso aborixen que morres
Sin defender o teu pan,
Dime que foi, que fixeche
Do arriscado capitán.
O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
Sementárono no vento
Cunha chaga en cada man,
Mais as mapoulas do abrente
Axiña frolecerán.
O bravo cóndor andino
Pergunta por seu irmán.
...
Этот текст прочитали 221 раз.