Los Tamara - O Vello e o Sapo Тексты

Da aldea lonxana fumegan as tellas;
Detrás dos petoutos vai póndose o sol;
Retornan prós eidos coa noite as ovellas
Tiscando nas beiras o céspede mol.

Un vello, arrimado nun pao de sanguiño,
O monte atravesa de cara ó pinar.
Vai canso; unha pedra topóu no camiño
E nela sentóuse pra folgos tomar.

-¡ai! -dixo-, ¡qué triste!
¡qué triste eu estóu!
I on sapo, que oía,
Repuso: -¡cro, cro!

¡ás ánemas tocan! ... tal noite como ésta
Queimóuseme a casa, morréume a muller;
Ardéume a xugada na corte, i a besta,
Na terra a semente botóuse a perder.

Vendín prós trabucos bacelos e hortas
E vou polo mundo de entón a pedir;
Mais cando non topo pechadas as portas
Os cans sáienme a elas e fanme fuxir.

- canta, sapo, canta;
Tí i eu ¡somos dous! ... -
I o sapo choroso,
Cantaba: -¡cro, cro!

Soliños estamos entrambos na terra.
Mais nela un buraco tí alcontras i eu non;
A ti non te morden os ventos da serra,
I a min as entranas i os ósos me rón.

Tí, nado nos montes, nos montes esperas,
De cote cantando, teu térmeno ver;
Eu, nado entre os homes, dormendo entre as feras,
E morte non hacho, si quero morrer.

-xa tocan ... recemos,
¡que dicen que hai dios! ...-
El reza, i o sapo
Cantaba: -¡cro, cro!

A noite cerraba, i o raio da lúa
Nas lívidas cumes comenza a brillar;
Curisco que tolle nos álbores brúa
I escóitase ó lexos o lobo oubear.

O probe do vello cos anos cangado
Erguéuse da pedra i o pau recadóu;
Viróu para os ceos o puño pechado,
E cara ós touzales rosmando marchóu ...

Cos ollos seguíndoo
Na escura estensión,
O sapo quedouse
Cantando: ¡cro, cro!.
Этот текст прочитали 192 раз.